Friday 19 de April de 2024

Segundo día de ExpoOrdes, cunha xornada dedicada á Mancomunidade


 

Cunha xornada especialmente dedicada á Mancomunidade a feira multisectorial ExpoOrdes abriu por segundo día as súas portas. Dende ben cedo numeroso público deuse cita na gran carpa de 3.000 metros instalada no Campo da Feira. Entre eles estivo Alba Paz Boubeta, subdirectora xeral de Economía Social, que acompañada polo alcalde de Ordes e varios dos seus concelleiros de goberno puido ver e falar con comerciantes, autónomos e empresarios presentes nesta cita. Tamén intercambiou impresións con representantes e voluntarios das numerosas institucións sociais que participan nesta nova edición de Expoordes.

Previamente xa realizara unha visita á gran mostra de maquinaria agrícola e gandeira que ao longo de 10.000 metros cadrados se está a levar a cabo no mesmo centro urbano de Ordes. Tanto o presidente da Mancomunidade de Ordes, Roberto Rey, como os alcaldes de Mesía e Trazo, Mariano Iglesias e José Dafonte respectivamente, foron outros dos presentes xunto con varios concelleiros doutros municipios da comarca.

Ao igoal que o posto da Mancomunidade de Ordes o espazo instalado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria foi parada obrigatoria para toda a comitiva. O obxectivo deste expositor é o de dar a coñecer as posibilidades e o carácter transformador da economía social, ademais de impulsar a promoción e comercialización das sociedades participantes e dos seus produtos e servizos.

A música neste día non vai faltar grazas á Asociación Cultural Camiño Real de Poulo.

Nesta nova edición de ExpoOrdes participan máis de 100 firmas de sectores relacionados con alimentación, automoción, construción, cooperativismo, agricultura, medio ambiente, enerxías renovables, novas tecnoloxías, mobiliario, artesanía, téxtil, medio ambiente, enerxías, acción social, deportes, hostalería, mecánica e, como non, maquinaria agrícola e gandeira entre outros sectores. Cabe destacar tamén o IV Salón Moda e Eventos realizado por máis de 60 firmas integrantes da Asociación de Comerciantes de Ordes.

Mañá domingo será o día grande desta cita coa XXX Festa do Champiñón, na que se repartirán arredor de 3.500 quilos deste delicioso cogomelo polos bares e restaurantes da zona. Os gaiteiros de Sementes da Arte e a charanga Santa Compaña porán a nota musical neste último día. Tamén actuará a Banda de Música de Ordes cun concerto a partir das 13.30 horas.

Por outra banda a alameda de Ordes é o escenario escollido para, unha vez máis, levar a cabo a de artesanía. Unha gran carpa acolle a unha trintena de artesáns que ofrecen todo tipo de produtos. Entre outros obxectos e creacións pódense mercar pezas de coiro, bixutería, xoiería, abelorios e elementos feitos con madeira, vidro, doces, roupa confeccionada con la e gancho para nenos e nenas e persoas adultas, agasallos, patchwork etc.